A Deputación reedita o seu plan para abrir os montes ao público
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará o vindeiro luns a convocatoria de subvencións a concellos destinadas á mellora dos montes mediante a creación de parques forestais. Trátase da segunda edición deste plan que forma parte dos acordos incluídos no pacto de goberno subscrito entre o Partido Socialista e o BNG.
Segundo explicou César Mosquera, vicepresidente da Deputación, houbo moitos concellos que mostraron interese nas axudas ofrecidas pola institución provincial na primeira convocatoria pero non deron resolto en prazo os trámites necesarios para presentar as súas solicitudes, polo que a intención é darlles unha segunda oportunidade.
A experiencia demostrou que "había interese" nas posibles axudas para os montes, sobre todo a partir da vaga de incendios, e que os trámites para poder presentar toda a documentación requirida eran "bastante farragosos". Lembremos que é necesaria a autorización da Xunta de Galicia e tamén un acordo por parte da directiva e a asemblea da comunidade de montes para a cesión dos terreos aos concellos por un tempo mínimo de vinte anos.
Son os concellos os que solicitan as subvencións á Deputación en lugar das comunidades de montes para garantir que se cumpren cos fins que se establecen nas bases, indicou o vicepresidente Mosquera.
Agora simplifícanse os trámites e tamén se reduce a 30 hectáreas a superficie global esixida, ata agora era obrigatorio que as actuacións estivesen encadradas en 50 hectáreas de terreo. Aínda que Mosquera advertiu que "isto non está para facer zonas verdes nin parques infantís" senón que son zonas de monte que se queren poñer en valor mediante a creación de parques forestais co obxectivo principal crear áreas de uso público e goce da cidadanía.
Nesta ocasión, o goberno provincial destina a este plan un millón e medio de euros "pero co compromiso de que se hai moitas máis solicitudes que cumpran, aumentalo a 3 ou a 4 millóns" acudindo ás remanentes do orzamento, "non imos escatimar en esforzos", apuntou Mosquera Lorenzo.
Relacionadas:
-
Última oportunidade para crear parques forestais nos montes da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación aproba axudas para crear novos parques forestais
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación poñerá a disposición dos concellos máis de 90 millóns de euros en axudas polos incendios
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade deseña dous parques forestais para Tomonde e Coirego
Por Redacción |
-
A Deputación concederá unha axuda para crear o parque forestal Miradoiro de Cotorredondo
Por Redacción |
-
A Deputación abrirá unha segunda convocatoria para crear parques forestais nos montes da provincia
Por Oskar Viéitez |