Cuntis aproba os orzamentos para 2018, que ascenden a 3,2 millóns
Por Redacción
O pleno do Concello de Cuntis aprobou na súa sesión deste martes 5 de decembro os orzamentos xerais para o ano 2018. As contas ascenden a 3.224.852 euros e aprobáronse cos votos faborables dos membros do goberno bipartito PSOE-BNG e a abstención dos grupos municipais de PP e Veciñanza de Cuntis.
O alcalde, Manuel Campos, manifestou a súa satisfacción e do grupo de goberno pola aprobación destes orzamentos e lembrou que o grupo de goberno mantivo unha postura de diálogo cos dous grupos na oposición. Segundo indicou, nestes orzamentos aprobáronse parcialmente as enmendas de Veciñanza e o PP non presentou aportacións.
O grupo de goberno considera "moi positivo para o funcionamento do concello" a aprobación deste documento, que reflicte un cambio na organización dos traballadores do Concello e que ten un claro carácter social. Ao respecto, por terceiro ano incorpora unha partida para axudas á natalidade, incorpora unha partida para o departamento de igualdade e recolle fondos para o programa Cuntilin para permitir a conciliación laboral e familiar.
Por primeira vez, incorpora unha partida para a formación de veciños no sector primario e tamén hai unha partida orzamentaria para seguir arranxando as escolas unitarias no rural para que, desta maneira, os veciños poidan usalos como centros de encontro en numerosas actividades.
O orzamento recolle unha partida para realizar un estudio técnico da peonalización e mobilidade do Concello de Cuntis e outra de 10.000 euros para a apertura do centro de día .
As contas incrementan o presuposto na área de turismo, unha medida demandada polo sector turístico e veciñal; e incorporan unha partida para as expropiacións para o desenvolvemento do polígono de A Ran.
Relacionadas:
-
Animan os veciños de Cuntis a participar na elaboración do orzamento municipal
Por Oskar Viéitez |
-
Licitan o contrato asistencial para o centro de día de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis ultima un orzamento de case 3,2 millóns para 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Cuntis confía en que a Xunta abra o centro de día no 2018
Por Redacción |