O Mercantil e Cáritas colaboran nunha campaña de recollida de xoguetes novos
Por Redacción
Que nin un só neno de Pontevedra amenza sen un agasallo o Día de Reis. Ese é o obxectivo da campaña que poñerán en marcha este Nadal Cáritas Interparroquial de Pontevedra e o Mercantil de Pontevedra.
Segundo informou a xunta directiva do Mercantil Pontevedra, organizarán na sede da praza de Curros Enríquez unha recollida de xoguetes novos propia e, a continuación entregaranlle todo o que recollan a Cáritas.
Para poder chegar a un bo porto con esta iniciativa solidaria, solicitan a colaboración de todos os socios e amizades e piden que levan xoguetes novos ás instalacións.
Ademais, o Mercantil e Cáritas acaban de asinar un acordo polo que colaborarán na recollida de roupa e calzado coa instalación dun colector específico nas instalacións do parque polideportivo de Cons, en Mourente.
Poderán levar roupa tanto os socios como todos os veciños de Mourente que o desexen. O colector xa se pediu e colocarase en datas proximas.
A xunta directiva do Mercantil Pontevedra tamén tomou o acordo de colaborar con Cáritas coa cesión do seu salón de conferencias para os actos que organice para dar a coñecer a súa actividade e progamación.