Un condutor dana unha zona protexida do Mosteiro de Poio facendo trompos e derrapes
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio logrou indentificar o condutor que na noite do xoves 1 de decembro tivo unha conduta temeraria facendo trompos e derrapes polo entorno do Convento-Mosteiro de San Xoán de Poio e causou danos considerables nunha zona protexida deste conxunto histórico
Entre os danos provocados hai un de especial gravidade. Chocou co seu Seat León de cor vermello co conxunto patrimonial e rompeu un dos adornos de pedra, segundo informou a Policía Local. Nos danos quedaron restos de cor vermello do coche que foron cruciais para determinar quen foi o responsable.
O condutor que causou os danos abandonou o lugar sen dar conta do accidente e dos danos causados, de modo que a Policía Local puxo en marcha unha investigación para determinar a autoría. Finalmente, deu resultados este martes 5 de decembro coa identificación dun mozo veciño de Curro, no Concello de Barro.
O mozo, que ademais é condutor novel, foi denunciado por unha conducción temeraria e por non facilitar os datos do accidente, infraccións moi graves que supoñen o pago dunha multa de 700 euros e a retirada de 6 puntos do carné de conducir. Tamén terá que pagar o arranxo dos danos provocados para devolvelo ao seu estado orixinal.
A Policía Local logrou identificar o condutor logo de facer unha inspección ocular da zona e de analizar os restos de pintura que se atopaban no lugar para identificar o pantone exacto dos fragmentos de cor vermello. Ademais, calculouse o punto exacto do impacto no coche.
Na mañá deste martes, a Policía Local localizou na zona da Barca un vehículo que coincidía coas características do coche accidentado e seguía a ter un golpe no lado esquerdo que coincidía coa pintura e altura do golpe do convento. Cando a Policía Local procedeu a identificar ao conductor, o mozo admitiu que fora el o responsable dos danos no convento.
A Policía Local deu a coñecer este mércores que na zona lateral do convento na que se produciron os danos aparecen marcas de derrapes a miúdo, chegando a aparecer danos sobre os xardíns, polo que é unha zona de especial vixiancia por parte dos axentes.