Evacuada unha menor ao Hospital Provincial por mor dun escape de gas
Por Redacción
Unha menor resultou este martes afectada por un escape de gas tendo que ser evacuada ao Hospital Provincial.
Os servizos de emerxencia trasladaron á moza ao centro hospitalario tras sufrir un desmaio como consecuencia do gas. Tamén se atopaba na vivenda a nai da menor, aínda que no seu caso non foi necesario o seu traslado para recibir atención médica.
Un particular alertou da situación ás 14:30 horas da tarde, polo que o servizo de atención ás emerxencias 112 Galicia trasladou o aviso aos Bombeiros de Pontevedra, que mediante as medicións correspondentes constataron a presenza de monóxido de carbono en diversas estancias da casa como a cociña, un cuarto e un baño.
O escape de gas, que tivo lugar nunha vivenda da rúa Luís Otero, puido deberse ao mal funcionamento da caldeira, segundo explicaron os efectivos de salvamento.
Ademais de bombeiros e persoal sanitario, o 112 informou da situación á Policía Local e ao servizo de avarías da compañía subministradora de gas.