Europa financia unha escola de mergullo e equipamento para a recollida de refugallos de buques
Por Oskar Viéitez
Dous novos proxectos do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra obtiveron financiamento da Unión Europea para a súa execución.
Nesta ocasión os dous novos proxectos coinciden no Concello de Sanxenxo e están enfocados á diversificación das actividades pesqueiras, con incidencia nos sectores turístico e náutico.
Así, impulsarase a creación dunha escola de mergullo. Situarase nas instalacións do porto deportivo de Sanxenxo e contará con varias liñas de actividade: saídas de mergullo, tenda e formación de mergulladores.
A escola de mergullo contribuirá a dar a coñecer os recursos submarinos da ría de Pontevedra a través de actividades de submarinismo ao longo de todo o ano, contribuíndo á desestacionalización turística. Tamén contará con equipos para realizar actividades adaptadas para persoas con discapacidade.
Ademais, Nauta Sanxenxo promove un novo proxecto que vai consistir na adquisición de equipamento para incidentes mariños e recollida de refugallos de buques segundo a normativa MARPOL, no porto deportivo Juan Carlos I.
O equipamento vai permitir reducir e controlar os futuros casos de contaminación mariña no porto deportivo e na súa contorna e permitirá mellorar e diversificar as actividades realizadas e dar un servizo máis completo aos seus usuarios, fomentando desta forma o crecemento económico na comunidade costeira.
Coa aprobación destes dous proxectos, o GALP Ría de Pontevedra pecha 2017 cun total de dezaseis proxectos aprobados. A próxima convocatoria xa está aberta para aqueles proxectos que se presenten ata o próximo 1 de marzo de 2018.