Sanxenxo agradece o labor dos voluntarios municipais
Por Redacción
Este martes día 5 de decembro celébrase o día internacional do voluntariado e desde o Concello de Sanxenxo quíxose agradecer o seu labor e compromiso.
Silvia Freire, concelleira de servizos sociais, Gonzalo Pita, tenente alcalde, e Jesús Sueiro, concelleiro de turismo, quixeron pasar un intre agradable con eles no obradoiro de hostalería, escoitando e recollendo as súas suxestións co fin de mellorar este servizo.
Todos coincidiron en destacar que ser voluntario achega en moitas ocasións moito máis do que a persoa ofrece. É o caso de Fran, un mozo que leva case 10 anos sendo voluntario e facendo acompañamento social, que explicaba que agora mesmo a súa vida non sería o mesmo sen a persoa á que leva acompañando moitos anos, porque entre eles xurdiu unha gran amizade.
Actualmente colaboran ao redor de 10 persoas en actividades como o taller de memoria, o programa de acompañamento social e actividades físicas como o campus de verán que se organiza desde a concellería de deportes. Tamén nas ludotecas e en actividades puntuais ambientais, en charlas, manualidades, talleres, cool run ou a milla urbana.
O prazo de inscrición no programa de voluntariado municipal está aberto durante todo o ano, e o trámite faise no edificio de Servizos Sociais en Portonovo.