A Lama renumerará as casas e parcelas edificables
Por Redacción
O Concello da Lama afrontará un plan para renumerar adecuadamente as casas e parcelas edificables existentes no termo municipal co fin de adaptalo á nova realidade e evitar duplicidades que dificultan a adecuada localización dos residentes e inmobles.
Procederase a numerar as edificacións e as leiras urbanizables atendendo á súa posición par ou impar no rueiro con orde e un protocolo de actuación de cara ao futuro para unha adecuada identificación das construcións.
Hai uns días que a empresa encargada de realizar este labor fixo a presentación ante os membros do equipo de goberno que viron con satisfacción esta iniciativa, que favorecerá coñecer realmente o parque inmobiliario do municipio e a súa numeración actualizada.
O alcalde Jorge Canda indicou que esta iniciativa tamén persegue "facilitar o traballo aos empregados de Correos e empresas de mensaxería" que nalgúns lugares téñeno realmente difícil para orientarse e identificar os destinatarios da correspondencia porque non seguía unha orde lóxica de numeracións pares e impares e "fíxose dun xeito anárquico ata converterse agora nun auténtico caos".
"Agora poñeremos orde dun xeito definitivo para que esto non sexa un desconcerto", afirmou.