Desaloxan un edificio de Fernández Ladreda e atenden unha veciña polo fume dun incendio
Por Natalia Puga
Un incendio no cadro eléctrico dun edificio sementou a preocupación este martes na avenida Fernández Ladreda e xerou unha enorme cantidade de fume que obrigou a desaloxar a decenas de veciños.
Todo ocorreu pasadas as 8.30 horas deste martes. O presidente da comunidade de veciños do edificio 25 de Fernández Ladreda, Guentián, explicou que "un vecino vio fuego en el portal", de modo que se alertou aos servizos de emerxencia. En moi pouco tempo, "se llenó todo de mucho humo", de modo que, á chegada dos efectivos dos Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra, "hubo que evacuar todo el edificio".
Ademais, foi necesario que o persoal da ambulancia do 061 que se trasladou ao lugar atendese a unha muller de idade avanzada por inhalación de fume. Trátase dunha muller que habitualmente precisa osíxeno por unha patoloxía previa, de modo que se viu afectada e tivo que ser trasladada ao hospital.
O incendio finalmente non se estendeu e os bombeiros controlárono rapidamente, pero pero si se xerou gran alarma pola cantidade de fume que cubría todas as plantas do edificio. Foi necesario realizar tarefas de ventilación de todo o inmoble antes de permitir aos veciños volver ás súas vivendas.
O edificio ten sete plantas de catro vivendas por piso, de modo que foi necesario desaloxar 28 vivendas, pero non en todas había veciños no momento do incendio.