O xulgado arquiva a denuncia contra Telmo Martín polo edificio de Baltar 11 anos despois
Por Redacción
O Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Cambados arquivou, 11 anos despois, a causa que se seguía contra o actual alcalde de Sanxenxo, o 'popular' Telmo Martín, polos delitos contra os recursos naturais e a ordenación do territorio, suborno e negociación prohibida a funcionario público. A causa abriuse no ano 2006 por mor dunha denuncia por unha presunta recualificación de terreos para un edificio en Baltar.
Telmo Martín deu a coñecer a resolución esta fin de semana a pesar de que xa se remonta ao pasado 20 de outubro, pois agora xa concluíu tamén o prazo de recurso, o que implica que o caso recibiu o carpetazo xudicial definitivo e non hai posibilidade de que siga adiante.
A causa seguíase contra a empresa Construziona e Telmo Martín e o xulgado decidiu o sobresemento de todas as actuacións contra ambas as partes ao entender que esa recualificación de terreos que denunciaba a asociación de veciños San Cristobal de Portonovo non existiu.
A primeira denuncia ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil presentouse en agosto de 2006 e afirmaba que Construziona obtivera unha licenza para un edificio que afectaba a un humidal protexido. Dous meses despois, a asociación decidía acudirse como acusación particular, ampliando a denuncia aos delitos de suborno e negociación prohibida a funcionario público.
Sobre o primeiro delito, o auto do Xulgado de Cambados sostén que "as obras obxecto da denuncia son perfectamente legais ao contar coas preceptivas licenzas e informes favorables de Augas de Galicia". "O humidal danado non existe como tal no rexistro de humidais de Galicia", engade.
Sobre os posibles delitos de suborno e negociación prohibida a funcionario público, o auto sostén que "tampouco resulta xustificada a acusación" e que non houbo tal recualificación, pois "as parcelas denominadas Baltar antes de ser adquiridas por Construziona foran cualificadas como chan apto para urbanizar ( SAU 8) segundo as Normas de Plan de Sanxenxo" de 1990. Unha vez aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal en 2003 "as parcelas son incluídas no PEI 10 coa consideración de chan urbanizable".
O auto conclúe que tampouco se detecta irregularidade na compra e posterior venda dos terreos.