A televisiva Carlota Corredera, unha voluntaria máis na Gran Recollida do Banco de Alimentos
Por Redacción & Diego Torrado
A presentadora do coñecido programa de televisión 'Sálvame', Carlota Corredera, visitou este sábado Pontevedra como unha voluntaria máis da Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos realizada en supermercados de toda a provincia.
Como embaixadora e madriña da quinta Gran Recollida, a xornalista e produtora acudiu ao hipermercado Froiz situado na rúa Cobián Roffingnac e traballou de xeito conxunto con varios alumnos do colexio Internacional SEK-Atlántico.
Durante a súa xornada de voluntariado, a presentadora puxo en valor a "sensibilidade" e "empatía" dos alumnos cos que compartiu quenda e cualificou como unha "honra" poder realizar esta acción, xa que é así como entende a fama, poder utilizala en favor de causas importantes como a do Banco de Alimentos.
Esta GRS2017, unha das accións máis importante para o Banco de Alimentos pola súa envergadura e loxística, desenvolveuse entre este venres e este sábado nuns 50 hipermercados e supermercados de Pontevedra cidade, así como das comarcas do Salnés e Deza, durante o horario comercial de cada superficie.
Uns 500 voluntarios mobilizáronse por localidades como Pontevedra cidade, Marín, Vilagarcía, Arcade e Sanxenxo para realizar quendas de catro horas e, coas súas petos identificativos do Banco de Alimentos, facilitaron as doazóns de comida que as persoas quixeron entregar.
Ao remate da xornada, a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo indicou que superara os 300.000 quilos de alimentos recadados durante a fin de semana. A cifra é provisional, pero a ONG xa valora que supón un éxito e sinala que cos alimentos non perecedoiros recadados prevese chegar ás 25.000 persoas ás que atende en toda a provincia, polo menos, ata a primavera de 2018.
Relacionadas:
-
O Banco de Alimentos repartiu comida a 4.800 pontevedreses con dificultades en 2017
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos cifra en 120 toneladas o balance da Gran Recollida Solidaria
Por Redacción |
-
Decembro comeza coa gran recollida solidaria do Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
Carlota Corredera visita o almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |