Un valado para mellorar a seguridade viaria en Mirón
Por Redacción
Circular pola pista municipal que pasa por Mirón de camiño a Contixe é agora moito máis seguro, despois de que o Concello instalase un valado de protección nunha curva asentada sobre un muro de contención cunha altura importante.
A obra realizouse durante as últimas semanas a petición da veciñanza de Mirón e respondía a un compromiso renovado polo grupo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), pero que xa viña de atrás.
As biondas do valado levaban anos almacenadas nas instalacións da brigada de obras sen que se tiveran colocado ata o de agora, pois respondían a un vello compromiso. Despois de adquirir os soportes, déronse instrucións para a súa colocación, traballo que levou algúns días pois requiriu labores de soldadura.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou os traballos e comprobou os bos resultados. O novo "quitamedos" ten unha lonxitude duns 50 metros e supón un cambio importante na seguridade viaria para os propios veciños e para os usuarios desta pista municipal.