Investigan un adolescente por causar un accidente co coche da súa nai e fuxir do lugar
Por Natalia Puga
O Grupo de Investigación e Apoio a Tráfico ( GIAT) do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra realizou durante os últimos días unha investigación que permitiu aclarar un accidente rexistrado na madrugada do luns en Ribadumia e acusar dous mozos de 15 e 17 anos como presuntos autores dun delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo sen permiso e, tras provocar o citado sinistro, darse á fuga.
A causa, que está agora en mans da Fiscalía de Menores, séguese contra un menor de 15 anos de Vilanova de Arousa e un amigo de 17 anos e veciño de Vilagarcía de Arousa.
Os dous mozos circulaban presuntamente no vehículo da nai do menor deles sobre as 4.00 horas da mañá. O de 15 anos conducía e o outro ía de acompañante cuandoel vehículo chocou por alcance contra un turismo que se atopaba parado nun semáforo en vermello en Ribadumia.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o accidente estivo causado presuntamente por un notorio exceso de velocidade. Tras o mesmo, o máis novo saíu do vehículo e tratou convencer aos outros implicados de que non alertasen á Garda Civil. Dado que non o conseguiu, o seu amigo púxose ao volante do vehículo e ambos se deron á fuga.
O coche foi localizado máis tarde en Vilagarcía de Arousa, onde os dous mozos o deixaran abandonado cun golpe nunha roda. Para engadir máis ingredientes á lista de comportamentos reprochables aos dous mozos, o vehículo que conducían non só non era seu -era da nai do menor deles-, senón que ademais leváronllo sen permiso. De feito, esa mesma mañá, a propietaria do vehículo, que non sabía nada do que sucedera, denunciou o roubo no posto da Garda Civil de Cambados.
A investigación dos axentes do GIAT permitiron identificar os dous mozos, aos que se lles notificou a súa condición de investigados pola comisión dun delito contra a seguridade viaria, por carecer da preceptiva autorización para conducir vehículos a motor. As dilixencias xudiciais instruídas entregáronse na Fiscalía de Menores de Pontevedra.