Traballadores de Quirónsalud saen á rúa por un "retroceso" nas negociacións do convenio
Por Natalia Puga
Un grupo de traballadores do Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez chamou a atención dos viandantes de Pontevedra este sábado ao realizar unha concentración ás portas do centro sanitario. O motivo da mesma era protestar polo "retroceso" que se produciu nas negociacións que manteñen desde hai un ano coa empresa para aprobar o convenio colectivo.
Os traballadores quéixanse de que na reunión celebrada o pasado 29 de novembro a empresa modificou á baixa varias cuestións que xa acordaran nos últimos meses e decidiron concentrarse para mostrar a súa desconformidade coa actitude. Repetirán concentración cada sábado ao mediodía ata que se produza un cambio de postura.
Fontes oficiais da empresa aseguraron que as negociacións non están rotas e seguen en marcha coa intención de alcanzar un acordo. A "vontade" da empresa é seguir negociando para arcercar posturas e aseguran que se reunirán cos representantes dos traballadores "as veces que fagan falta".
O talante negociador da empresa non satisfai os traballadores. A presidenta do comité de empresa, Beatriz Cortes, explicou, no transcurso da concentración, que as súas demandas son algo "xusto, non desorbitado" e critica que "case estabamos para chegar a un punto de acordo, pero volveron todo atrás".
O asesor do sindicato CC. OO. na negociación, Eusebio Justo, considera "un absoluto despropósito, unha absoluta sinvergüencería por parte da dirección" ese paso atrás que deron nas negociacións e avanza que " é evidente que non imos aceptar nin subscribir ningún tipo de convenio que non garanta uns mínimos".
Os puntos nos que se atasca o convenio, segundo CC. OO, son os relacionados coa redución da xornada laboral anual en 25 horas -na actualidade está nas 1.805 anuais que recolle o Estatuto dos Traballadores- e en subir de catro a cinco os días de libre disposición. Ademais, os traballadores critican que a empresa mantén unha oferta de incremento salarial por baixo do IPC e pretende que a duración do convenio sexa de catro anos e non os tres que reclama o comité.