Un morto e tres feridos ao chocar un condutor bébedo e drogado cunha árbore en Caldas
Por Natalia Puga
Un veciño de Cuntis de 50 anos faleceu e outras tres persoas resultaron feridas na madrugada deste sábado nun accidente de tráfico en Caldas de Reis. Todos circulaban no mesmo vehículo, conducido por un mozo que deu positivo en alcol e drogas.
O accidente produciuse sobre as 3.40 horas da madrugada deste sábado na estrada PO-220 O Pino-Cuntis, ao seu paso polo termo municipal de Caldas. O condutor dun turismo BMW saíuse da via pola marxe esquerda e chocou frontalmente cunha árbore.
A Garda Civil de Tráfico aínda analiza as causas do accidente, pero todo parece indicar que o vehículo circulaba a unha velocidade inadecuada.
O condutor e dous ocupantes o turismo resultaron feridos e un cuarto pasaxeiro faleceu. Trátase dun veciño de Cuntis de 50 anos de iniciais F. J. G.I., que viaxaba no asento traseiro e levaba posto o correspondente cinto de seguridade.
O condutor, veciño de Cuntis de 25 anos, resultou ferido leve. Axentes da Garda Civil de Tráfico que se desprazaron ao lugar sometéronlle á correspondente proba de alcoholemia, na que deu resultado positivo de 0,59 e 0,58 miligramos de alcol por litro de aire expirado. Ademais, deu resultado positivo na proba de consumo de cocaína e cannabis.
O vehículo sufriu importantes danos materiais. Ao lugar do accidente desprazáronse tras o aviso das 112 ambulancias do 061- Urxencias Sanitarias, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil, o GES de Valga e os Bombeiros do Salnés.