As ONG de Marín e o Concello coordinan as súas actividades do Nadal
Por Redacción
Este venres tivo lugar a reunión bimensual que a concelleira de Benestar Social e as ONG de Marín matienen de forma periódica, coa intención de coordinar todas as actuacións, e tratar de atender todas as demandas de emerxencia social.
Este ano en lugar de que o Concello asuma os gastos das galas benéficas, decidiuse por unanimidade que o Concello repartise ese orzamento entre todas as ONG de forma proporcional ao número de persoas ou familias que axuda cada unha. O Concello repartiu 2.500 euros para cada asociación sen ánimo de lucro que atenden a máis de 300 familias, unha cifra que descendeu nos últimos tempos.
Destacar tamén a venda de rifas que farán nos próximos días, para o sorteo dunha cesta que Gadis doou. O sorteo terá lugar o día 22 de decembro, coincidindo coa inauguración da carpa infantil na Alameda e momento en que se fará entrega de 1.000 libros dos Bolechas en Marín, que serán presentados ese día e que as ONG poderán vender a un prezo simbólico de 3 euros.
Todo isto coincidirá coa campaña de recollida de alimentos e produtos de nadal que as ONG coa colaboración do Concello levarán a cabo tanto o 22 de decembro na Alameda como nos centros educativos do municipio desde o día 4 ao 20 de decembro.