A Lama e Cerdedo-Cotobade, en alerta por neve ou xeo nas súas estradas
Por Redacción
Trece concellos da provincia, entre eles os da Lama e Cerdedo-Cotobade, están declarados como zonas de "maiores riscos" de nevadas. Por iso é polo que teña prioridade no plan de vialidade invernal que activou a Subdelegación do Goberno.
Este protocolo establece pautas de actuación destinadas a intervir no caso de que se produzan situacións meteorolóxicas adversas que, por neve ou xeo na calzada, dificulten ou impidan niveis adecuados de servizo e seguridade viaria na rede de estradas do Estado en Galicia e autoestradas de peaxe de titularidade estatal.
Contén, ademais, unha relación de tramos máis conflitivos por neve ou xeo; lugares onde establecer preferentemente postos de control; áreas destinadas a estacionamento temporal de vehículos e un directorio telefónico do persoal e medios dispoñibles cuxos servizos poden ser requiridos por estas circunstancias.
Ademais, o protocolo recolle que, en condicións de retención obrigatoria de vehículos nas áreas establecidas, será prioritaria a información aos usuarios das estradas afectadas a través das canles dispoñibles como paneis dinámicos da DXT, radio ou telerruta.
A subdelegada, Ana Ortiz, lembrou a importancia da colaboración cidadá e a necesidade, durante os meses de clima máis adverso, de extremar as precaucións e de obter información sobre a situación meteorolóxica e o estado das estradas antes de iniciar os desprazamentos
Este dispositivo especial manterase ata o 30 de abril de 2018.
Os medios que se utilizarán nas estradas estatais na provincia, están conformados por 10 camións quitaneves, 1.975 toneladas de sal e 89.000 litros de salmoira. A maiores, haberá dous quitaneves, 75 toneladas de sal e 40.000 litros de salmoira para atender posibles incidencias na AP-9.
MEDIOS PROVINCIAIS
A este esforzo hai que engadir o traballo das brigadas provinciais. A Deputación xa conta con provisións de sal para protexer a rede de estradas provinciais das xeadas e a neve que se prevé para os próximos días ante as baixas temperaturas.
En total, distribuíronse 65 toneladas de sal, das que 18 foron para o parque de Ponteareas e de Lalín, 12 para o de Pontevedra e o da Estrada e cinco para o de Gondomar.
Xa esta mesma semana comezouse a esparcir sal a primeira hora da mañá e a última da tarde nos puntos máis conflitivos, húmidos e sombríos, para evitar as placas de xeo na calzada.
As brigadas de mantemento estarán alerta nos próximos días para atender calquera emerxencia.