Enrique Portela dimite como concelleiro do BNG en Cuntis por motivos persoais
Por Redacción
Por cuestións "estritamente" persoais e profesionais. Así explicou Enrique Portela a súa decisión de dimitir como concelleiro do BNG en Cuntis e, polo tanto, abandonar as súas responsabilidades dentro do goberno municipal.
Nunha rolda de prensa celebrada na sede do BNG en Pontevedra, Enrique Portela presentou ao que será o seu substituto, o vicerresponsable local do partido, Diego Torres.
O concelleiro agradeceu "enormemente" a confianza do grupo do BNG de Cuntis por contar con el para encabezar a candidatura das municipais do 2015 e valorou como "moi positivo" o traballo desempeñado durante dous anos e medio no goberno que lidera o socialista Manuel Campos.
Portela citou expresamente os proxectos postos en marcha no eido do Patrimonio para valorizar os petróglifos, a ampliación da programación cultural da vila, o impulso á área de Turismo ou a creación da iniciativa CuntisXove, un espazo de ocio e esparexemento para a mocidade do concello, sendo o único proxecto deste tipo en toda a comarca.
Diego Torres, pola súa banda, explicou que este relevo levaba aparellado cambios no goberno, onde o BNG asumirá a partir deste momento as áreas de Patrimonio, Cultura (excluíndo as festas), Turismo, Mocidade e Normalización Lingüística, para afianzar os proxectos en marcha e asumir "con maior eficiencia" as responsabilidades de goberno.
Deixarán de xestionar, polo tanto, as áreas de Educación e Comercio.
Tanto Enrique Portela como Diego Torres, que é licenciado en historia, sinalaron que este recambio "non fai máis que fortalecer" o traballo en equipo do BNG. Este relevo foi unha decisión tomada conxuntamente pola asemblea local do BNG de Cuntis.
A dimisión de Enrique Portela será presentada no rexistro do Concello o día despois ao pleno ordinario que se celebra o vindeiro martes 5 de decembro, e será ratificada nun pleno extraordinario que se convocará a tal efecto.