Emocionada despedida de José Freire a 41 anos de carreira policial e tres décadas de sindicalista
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Recentemente cumpridos os 65 anos, José Freire acaba de causar baixa na profesión que exerceu durante os últimos 41, axente da Policía Nacional, para encarar a nova etapa da xubilación. A modo de despedida, o sindicato no que militou 34 anos e que presidiu durante máis dunha década, o Sindicato Unificado de Policía (SUP), organizou este venres unha comida de homenaxe á que acudiron preto de 200 persoas.
O acto converteuse en todo un repaso pola vida policial e sindical de Freire e citou no Hotel Galicia Palace a policías e políticos para acompañar a quen nas últimas décadas se converteu nun histórico da Comisaría Provincial.
"Tendría que escribir un libro y tengo en mente hacerlo", recoñeceu Freire á hora de botar a vista atrás antes da súa xubilación, visiblemente emocionado ante a masiva asistencia ao acto e á vista do photocall cunha imaxe súa a tamaño real elaborado para a ocasión, no que todos os asistentes quixeron retratarse.
Freire sinalou que nestes anos puxo todo o seu empeño en cumprir con tres parámetros "dedicación y esfuerzo, honestidad y lealtad" e, se os seguiu, "ya me doy por satisfecho y doy por bien concluida mi carrera profesional y sindical". Para el foi xa unha satisfacción ver aos seus compañeiros do sindicato e a xente nova que quixo acompañalo, así como aos seus compañeiros de xeración, dos que resalta que "tenemos esa sana costumbre los policías viejos de ser muy solidarios, vivimos épocas muy fastidiadas y por tanto seguimos manteniendo esa cordialidad y esa amistad".
Aínda que a súa carreira profesional comezou no País Vasco, Freire desenvolveu case toda a súa carreira en Pontevedra, onde deixou pegada. Boa mostra é que este venres acudiron ao acto compañeiros seus en distintas etapas e tamén policías doutras comisarías e cargos orgánicos do SUP. Non faltaron autoridades do ámbito político e policial, tales como o actual comisario provincial, Manuel Bouzas, e o ex responsable da Comisaría José Manuel Salgado, así como o responsable da Policía Autonómica en Pontevedra, José Manuel López.
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; a subdelegada en Pontevedra, Ana Ortiz; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o director xeral de Emerxencias, Luís Menor; o portavoz local do PP, Jacobo Moreira; ou o ex subdelegado do Goberno, Antonio Coello, incorporáronse á lista de asistentes.
A cita concluíu cun sentido discurso de José Freire e non faltaron as bágoas, das que o homenaxeado sentiu orgulloso, pois "los hombres también se engrandecen cuando lloran".