Poio revisará o estado de todos os seus parques infantís
Por Redacción
O Concello de Poio despregará nas vindeiras semanas un plan para acometer tarefas de mantemento integral nos 43 parques e zonas de recreo infantil que hai no municipio.
O departamento de Medio Ambiente, que dirixe Xosé Anxo Lodeiro, adianta que estes traballos comezarán polos que presentan máis necesidades, segundo a análise previa que fixeron os técnicos municipais.
A intención do goberno é proceder á reparación dos elementos deteriorados onde sexa viable ou á substitución dos mesmos en caso de consideralo como o máis aconsellable, logrando así un axeitado equilibrio entre o gasto a realizar e o estado dos elementos que compoñen estas zonas.
Unha vez solventadas as necesidades máis urxentes, e para seguir unha orde nos traballos de mantemento futuros, actuarase por bloques de forma periódica no tempo.
Lodeiro explica que se realizará sempre unha primeira actuación para a inspección visual correspondente para detectar posibles deficiencias e, nunha segunda intervención, o arranxo do elemento en cuestión. Isto completarase coas actuacións puntuais que xurdan en caso de urxencia.
Con estas actuacións, o Concello pretende mellorar o protocolo de mantemento nos parques da súa titularidade e dar un efectivo e seguro servizo aos veciños e usuarios dos mesmos.