A Xunta pecha a Unidade de Primeira Acollida da cidade infantil Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez
"Por fin veño dar boas noticias sobre o Príncipe Felipe". Así arrancou este venres a súa comparecencia ante a prensa a deputada Eva Villaverde que anunciou a renuncia da Xunta de Galicia e o consecuente peche da Unidade de Primeira Acollida no centro Príncipe Felipe e a próxima firma dun novo convenio coa Deputación que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2018.
Eva Villaverde sinalou que este acordo resolve a "crise institucional" provocada pola "situación de violencia e indefensión que tiñamos na Deputación" motivada pola presenza no Príncipe Felipe de menores con problemas de conduta e adiccións derivados pola Xunta.
"Unha irresponsabilidade adoptada por un goberno do Partido Popular na Deputación de Pontevedra que nos veu herdada e que conseguimos eliminar", valorou.
En virtude do acordo alcanzado este xoves entre a deputada delegada do Príncipe Felipe, Eva Villaverde e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, a partir do próximo 31 de decembro, a Xunta renunciará á Unidade de Primeira Acollida (UPA) que mantiña activa con 11 prazas na cidade infantil.
Deste xeito, a partir do próximo 1 de xaneiro, evítase esta "vía de entrada para nenos desviados pola Policía Nacional, Local, Garda Civil e Fiscalía".
"Eliminamos as cláusulas abusivas" do convenio, indicou a deputada nacionalista "isto é unha mellora considerable, creo que extraordinaria, respecto da situación anterior", celebrou.
Ademais a Xunta manterá a súa asignación de fondos para o Príncipe Felipe, uns 782.000 euros, e pasará a dispoñer de 89 prazas no Príncipe Felipe, ao restarse as 11 da UPA. En total, as instalacións da cidade infantil contan con máis de 250 menores.
A deputada Eva Villaverde mostrou este venres a súa "satisfacción" por esta última reunión "entenderon as nosas razóns e as nosas peticións" algo que quixo "agradecer desde o punto de vista institucional".
Ademais Villaverde destacou que a Xunta aceptou as dúas "liñas vermellas" marcadas polo goberno provincial, é dicir, impedir a entrada de menores violentos e que "en última instancia" sexan os informes técnicos do goberno provincial os determinantes para a inclusión dos nenos no Príncipe Felipe. Para iso, crearase unha comisión de avaliación paritaria con equipos da Xunta e a Deputación que, en caso de desconformidade, priorizará a decisión dos técnicos provinciais.
Relacionadas:
-
O PP defenderá na Deputación o mantemento da Unidade de Primeira Acollida no Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores do Príncipe Felipe reclaman a continuidade do Centro de Primeira Acollida
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras pide unha reestruturación do Príncipe Felipe para acoller a máis menores
Por Anxo Lourido |
-
Despedida unha empresa subministradora de Príncipe Felipe por non cumprir coa calidade esixida
Por Oskar Viéitez |
-
O Príncipe Felipe estrea novo regulamento de funcionamento
Por Redacción |
-
En primavera estará en marcha o plan de autoprotección no Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Rey Varela celebra o acordo coa Deputación por Príncipe Felipe
Por Alejandro Espiño |
-
Acordo para evitar que os menores conflitivos ingresen na Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada