A Garda Civil investiga á dona dunha axencia de viaxes de Sanxenxo por estafa
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga á encargada dunha axencia de viaxes de Sanxenxo que supostamente quedou co diñeiro que lle abonou un cliente para xestionar a reserva dun billete. A muller está acusada dun presunto delito de estafa.
Os feitos investigáronse por mor da denuncia formulada na Garda Civil de Sanxenxo por un veciño de Pontevedra que realizara nesta axencia a contratación dun billete de avión con destino a Tailandia, por un valor de 1.900 euros e, poucos días antes da data da viaxe, decatouse de que non figuraba na lista de embarque.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, as investigacións determinaron que a encargada da axencia tan só tramitara a reserva do billete, a pesar de que lle cobraba o importe íntegro. A falta, supostamente intencionada, da súa posterior confirmación por parte da axencia deu lugar que se cancelase o billete por falta de pago.
O feito denunciado, que de seu xa constitúe un presunto delito de estafa, vese especialmente agravado cando a encargada da axencia, ao verse descuberta, ofreceulle ao cliente a devolución do diñeiro e estendeulle un pagaré que, na mesma data de expedición, xa carecía de fondos na entidade bancaria.
Unha vez acreditada a suposta vontade desta persoa de incumprir ou demorar no tempo a devolución do diñeiro, notificóuselle a súa condición de investigada, non só pola presunta comisión dun delito de estafa, senón tamén pola posterior emisión dun pagaré sen fondos.
A Garda Civil continúan coa investigación aberta para pescudar se existen máis clientes estafados polo mesmo procedemento. A investigada deberá comparecer, cando sexa requirida, ante o xulgado de instrución número 3 de Cambados.