Queres ser taxista en Sanxenxo? Terás que examinarte de 'sanxenxismo'
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo anunciará a próxima semana no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria dunha proba de aptitude para a obtención do permiso que faculta para a realización da actividade de condutor de taxi. Con esta medida, "pretendemos avanzar na regularización administrativa do servizo adaptándoo a nova normativa e tendo en conta que os anteriores carnés quedaron xa obsoletos", explicou o concelleiro de Seguridade Cidadá.
Salvador Durán destacou que "isto supón un paso mais na modernización emprendida por estes profesionais que souberon ver a necesidade de adaptarse aos tempos". Non dubidou, pois, en felicitar aos taxistas locais e á súa asociación provincial pola implicación mostrada á hora de incorporar os novos dispositivos incluídos no regulamento municipal, como o taxímetro ou o radio taxi, "que favorecen que o servizo que ofrecen sexa acorde coas esixencias dun municipio destas características".
Ademais, o edil adiantou que tralo proceso de renovación dos carnés, a Policía Local levará a cabo as correspondentes inspeccións dos vehículos para garantir que cumpren cos requisitos sobre seguridade, limpeza e estética, en canto á cor e correcta ubicación do escudo do Concello de Sanxenxo, "de xeito que este verán o servizo quedará xa adaptado a normativa vixente e modernizado ao 100%".
NOVOS PERMISOS
Trala publicación no BOP da convocatoria dunha proba de aptitude para a obtención do permiso municipal de condutor de taxi, os 27 autopatronos que exercen no concello terán un prazo de dez días hábiles para presentar a documentación esixida no Rexistro Municipal. Ademais dos permisos de condución, entre outros, un certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade infectocontaxiosa algunha ou impedimento físico que imposibilite ou dificulte o normal exercicio da profesión.
Ademais, os aspirantes terán que superar un exame oral no que demostren os seus coñecementos sobre as vías, os lugares de interese turístico, as áreas de esparcemento, as oficinas e demais centros e edificios públicos, monumentos, principais hoteis e itinerarios máis directos para chegar aos puntos de destino.