Un acusado de retirar 100.000 euros da conta dun falecido recoñece os feitos e evita ir a prisión
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra será condenado coa súa conformidade a unha pena de oito meses de prisión e o pago dunha multa de 720 euros por retirar preto de 100.000 euros de dúas contas bancarias tras o falecemento do seu titular.
O home, Elías P.A., sentou no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial para render contas por un delito de apropiación indebida e, tras chegar a un acordo de conformidade coa Fiscalía, recoñeceu os feitos e poderá eludir o ingreso en prisión. Aplícaselle a circunstancia atenuante de reparación do dano, pois xa devolveu o diñeiro.
A sentenza será firme, pois todas as partes comprometéronse a non recorrela, e todos se mostraron tamén de acordo coa suspensión da condena. A pena queda suspendida e non terá que ingresar en prisión a condición de que co requisito de non cometer ningún delito nun prazo de dous anos.
O acusado estaba autorizado en dúas contas bancarias dunha mesma entidade nas rúas Gutiérrez Mellado e Michelena de Pontevedra. Tras o falecemento do titular o 30 de xaneiro do 2016 a autorización quedaba revogada, pero, de todos os xeitos, con ánimo de lucro, retirou diñeiro.
En concreto, nos meses seguintes retirou 62.051,39 euros dunha conta e 36.852,82 da outra, isto é, 98.904,21 euros. Na actualidade, xa devolveu as cantidades á albacea testamentaria.