VÍDEO.- A frenética actividade das mestras e mestres composteiros
Achegámonos ao traballo das mestras e mestres composteiros. Mariña Lobelle, a técnica de xestión de residuos e tratamento de biorresiduos para a área de Pontevedra do Plan Revitaliza da Deputación Provincial, explícanos nun vídeo moi didáctico cales son as diferentes tarefas que fai o persoal que traballa para que a compostaxe se realice dun xeito óptimo. E é que, como afirma Lobelle, estamos a falar dun traballo chave para a xestión do lixo orgánico xa que "estamos a transformar un residuo en un recurso tan importante como é o compost".
Pero, quen se ocupa de que todo saia ben? Trala indispensable achega por parte da veciñanza dos seus residuos orgánicos aos centros de compostaxe, o persoal técnico e as mestras e mestres composteiros da Deputación son as persoas encargadas de que todo o proceso se realiza correctamente. Vixían a humidade, a temperatura e a aireación da compostaxe para aumentar a calidade do compost final. Tamén resolven calquera dúbida da veciñanza que queira participar no Plan Revitaliza. Neste vídeo participan, ademais da técnica Mariña Lobelle, o mestre composteiro Raúl Búa e as mestras composteiras: Paula Santos, Eva María Villar e Covadonga Gómez.
As fases da compostaxe requiren un seguimento continuo por parte destes profesionais, xa que hai etapas que se desenvolven en paralelo. Por iso, a diferenza dos composteiros domésticos, os que promove o Plan Revitaliza da Deputación están formados por módulos con cadansúas funcións.
- Os veciños e veciñas teñen que depositar o seu lixo no módulo de aportación, onde os residuos orgánicos vanse mesturando con estruturante e comeza un proceso no que se poden diferenciar tres etapas. En todas elas é fundamental a aireación.
- O que primeiro se produce no composteiro é unha fase de descomposición do lixo, de 2 a 4 días, na que os microorganismos empezan a multiplicarse. A parte orgánica vai reducindo o seu volume e o aspecto do produto vai tornándose escuro, ata non apreciar ningún tipo de restos de comida.
- Pouco despois, iníciase una fase termófila, na que a calor é fundamental, con temperaturas que chegan ata os 75 graos. Pode durar entre un e dous meses. Os microorganismos traballan na mestura do lixo e o estruturante e tamén suben a temperatura, co que conseguen hixienizar o proceso, xa que coa calor morren todos os xérmenes patóxenos.
- Finalmente, iníciase unha fase de maduración do compost que pode levar ata tres meses. Durante ese tempo sintetízanse os nutrientes e diminúe a actividade biolóxica.
Logo de todo este proceso, o compost xa está listo para o seu uso como fertilizante. O volume do produto final é moito menor ao inicial: de cada 100 quilos de lixo orgánico aportado, apenas se obteñen pouco máis de 10 quilos de compost peneirado. A materia que non se desbota nesta fase final, pasa ao primeiro colector para formar parte do estruturante que se vai a utilizar na primera etapa dun novo proceso de compostaxe. Deste xeito, o aproveitamento dos residuos é total.
Relacionadas:
-
Dúas empresas catalanas, dúas madrileñas e unha navarra optan a subministrar os composteiros da Deputación
Por Redacción |
-
Veciños de Eduardo Pondal e O Gorgullón piden un composteiro para este barrio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Que fai unha mestra metida nun composteiro? Velaquí a resposta
Por Noticia patrocinada |
-
"Compostar é un chanzo máis do que xa facemos co cartón e o plástico"
Por Noticia patrocinada |
-
"A compostaxe ten que ser unha aposta xeralizada. O futuro vai por aí"
Por Noticia patrocinada |
-
A Deputación abre a porta para instalar composteiros en terrazas na terceira fase do Plan Revitaliza
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
VÍDEO.- Tes dúbidas sobre a compostaxe? A mestra composteira responde
Por Noticia patrocinada |
-
Compostaxe: á vangarda da xestión do lixo na Galiza
Por Noticia patrocinada |