Cerdedo-Cotobade rebaixa a taxa do lixo
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Cerdedo-Cotobade vai aprobar este xoves no pleno ordinario de novembro a unificación da taxa municipal de limpeza e recollida de lixo, a derradeira que quedaba por abordar tras o proceso de fusión, e na mesma inclúese un descenso medio nos recibos do 9%, aínda que varía en función das distintas tipoloxías existentes.
A fiscalidade quedará fixada en 40 euros anuais para as vivendas, 65 para o comercio minorista e os locais de hostalaría e 120 para industrias, almacéns, supermercados, gasolineiras e grandes establecementos de turismo.
Tipoloxía | Taxa |
Vivendas | 40 euros/ano |
Comercios, bares e pequenos establecementos | 65 euros/ano |
Establecementos hostaleiros de menos de 10 habitacións | 65 euros/ano |
Gasolineiras, industrias, almacéns e supermercados | 120,25 euros/ano |
Establecementos hostaleiros de máis de 10 habitacións | 120,25 euros/ano |
A tarifa para as vivendas quedará fixada en 40 euros anuais, que era a cantidade que existía no termo de Cotobade e que suporá un descenso do 27% para as de Cerdedo, xa que os veciños deste territorio tiñan unha taxa máis elevada situada en 55 euros.
Pola súa banda, o imposto para as distintas actividades económicas baixará nun 7,1% para o pequeno comercio e a hostalaría e nun 7,6% para as empresas e outros negocios de maior tamaño, cunha especial incidencia neste caso nos do territorio de Cotobade.
O descenso impositivo da taxa municipal de limpeza e recollida de lixo supón a quinta rebaixa fiscal impulsada polo goberno local tras o proceso de fusión despois da diminución tributaria xeral do 7% coa aprobación dos primeiros orzamentos municipais conxuntos, a supresión do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e os axustes á baixa aplicados no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e na taxa de expedición de documentos e servizos municipais.
APENAS TRES EUROS AO MES
O alcalde, Jorge Cubela, quixo lembrar o "compromiso" do executivo de baixar os impostos grazas aos maiores ingresos derivados da fusión e recalcou que "cumpriuse sobradamente co anunciado incluso máis aló do previsto, pero cremos que, sempre que se poida, hai que liberar ao máximo posible calquera carga sobre os petos dos veciños".
Nesta liña, quixo destacar que a taxa de lixo de Cerdedo-Cotobade "é das máis baixas de toda a provincia de Pontevedra", sinalando que os propietarios das vivendas apenas asumen 3,33 euros mensuais, para facer un total de 40 euros ao ano, pola retirada do lixo. "Creo que desenvolver un servizo digno e axeitado por pouco máis de 3 euros ao mes é actuar con moita eficiencia", concluiu o munícipe.