O Catálogo do Arborado do Concello de Marín chega ao colexio Carballal
Por Redacción
Uxía Garcés e Gaspar Bernárdez, que están a realizar o Catálogo do Arborado do Concello de Marín, mantiveron un encontro co alumnado de 5º e 6º curso do colexio Carballal no que explicaron o variado patrimonio vexetal do municipio.
Foi unha actividade complementaria na que Gaspar Bernárdez explicou algunhas das características máis importantes ou curiosas de moitas das árbores que teñen os rapaces no seu centro (ao redor de 20 especies diferentes), destacando algúns aspectos de interese dos exemplares, como historia ou usos.
Tamén falaron dalgúns exemplares do municipio con interese especial, sexa pola especie, polo tamaño, entre outras características. Logo, cunha saída ao patio, localizaron e observaron os exemplares da contorna, miraron algunha das súas características e elementos necesarios para a súa identificación e incluso descubriron que algunha das súas árbores é "única e especial" no concello.
Todos agardan poder seguir coidando deste patrimonio natural e cren que esta actividade axudará a valoralo máis.
Por outra banda tamén tiveron unha actividade de promoción do deporte de loita, a cargo de Rubén Méndez, da Federación Galega de Loita, e dirixida ao alumnado de 3º e 4º. Primeiro explicou ao alumnado en que consiste este deporte e como se realizan algunhas das súas técnicas, para a continuación realizar prácticas. Foi unha sesión de deporte diferente ao habitual e moi divertida.