Cuntis ultima un orzamento de case 3,2 millóns para 2018
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Cuntis, formado por PSdeG-PSOE e BNG, ultimou o orzamento para 2018 que, se sae aprobado pola corporación, ascenderá aos 3.188.979 euros.
Trátase dun orzamento que crece uns 180.000 euros con respecto a este ano, segundo informou o Concello.
As contas para 2018 xa foron presentadas na xunta de portavoces. Nelas, destaca o goberno, recóllense compromisos básicos para o funcionamento do municipio.
As principais partidas serán as de persoal, que ascenderá aos 995.000 euros, e a de gasto corrente, que chegará aos 1,92 millóns. Outros 165.000 euros serán transferencias a outras administracións, en virtude dos convenios asinados para diferentes actuacións.
Subirá o gasto social ata os 852.000 euros e mantense o diñeiro destinado a acción cultural, promoción do deporte e festas. Ademais, créanse partidas para o mantemento de estruturas de saneamento e destinaranse 30.000 euros para a apertura do centro de día.
Tamén se recolle diñeiro para as expropiacións de terreos para o polígono industrial da Ran, mantense a partida de apoio ás familias a través do programa Cuntilín ou as axudas á natalidade e créase unha liña de axudas ao transporte para estudantes.
No capítulo de ingresos, pola súa banda, Cuntis espera recadar uns 768.000 euros en impostos, 637.000 en taxas e 35.000 euros por canons por concesións administrativas. Os ingresos procedentes do Estado e as transferencias que, para proxectos concretos, fará a Xunta e a Deputación sumarán 1,76 millóns.