Cada pontevedrés gastará uns 400 euros de media durante este Nadal
Por Oskar Viéitez
A Federación Provincial de Comercio de Pontevedra estima que cada habitante da comarca de Pontevedra vai gastar durante as festas do Nadal uns 400 euros de media, un 10% máis que no ano 2015.
O estudo de mercado feito pola patronal dos comerciantes conclúe que o consumo aumentará este Nadal na comarca de Pontevedra, o que supón que se siga co crecemento que se deu o ano pasado.
A maior porcentaxe de gasto está dedicado a agasallos e alimentación, cun 39% e 32% respectivamente, gástase menos en Lotería de Nadal e do Neno, así como en celebracións como Aninovo e Reis é dicir un 15% e un 14%.
Na Boa Vila é onde máis gasto hai previsto. Estímase que se gaste na cidade do Lérez máis de 36 millóns e medio de euros. A cifra total estimada prevista para a comarca de Pontevedra, sobre o consumo previsto neste Nadal de 2017, é próxima aos 53 millóns e medio de euros, en concreto 53.391.094,96 euros.
A comarca do Salnés, facturará unha cifra estimada dun pouco máis de 41 millóns de euros, dos cales Vilagarcía de Arousa con máis de 14 millóns de euros, estimados que se gasten, aglutina o gasto máis elevado previsto.
Destacan as vendas estimadas na comarca de Vigo que factura case 180 millóns de euros, dos cales na cidade olívica gastarase ao redor dunha previsión de algo máis de 127 millóns de euros.
A federación asegura que o sector comercio conseguiu no que vai de ano unha recuperación nas súas vendas, ata o día 31 de outubro de 2017, dun 26% máis, a pesar da influencia negativa que tivo no consumo o tempo seco e cálido deste outono.
Con todo esta anomalía climatolóxica do outono non eclipsa o éxito rexistrado durante esta estación nas campañas de volta ao cole e o Black Friday. No caso desta última a federación estima que as vendas tiveron un aumento comparado ao ano 2016, dun 45 %.
Finalmente desde a federación apuntan que ao longo deste anos 196 comercios pecharon as súas portas na provincia o que supón unha baixada respecto o ritmo marcado durante os anos anteriores. A conclusión é que para este sector o 2017 foi positivo.