Portos de Galicia renova o pavimento do peirao de San Adrián de Cobres
Por Redacción
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou este luns as obras de renovación do pavimento da vía portuaria de San Adrián de Cobres, no municipio pontevedrés de Vilaboa.
Esta actuación mellora a seguridade viaria da zona e responde a unha demanda trasladada polo sector.
As obras teñen un importe de 24.000 euros e inclúen tamén a repavimentación doutra vía portuaria, neste caso no porto de Domaio, no municipio de Moaña.
En ambos casos os traballos consisten no fresado da capa de rodadura existente e a extensión dunha nova capa de 5 centímetros de espesor. As obras quedarán rematadas nos vindeiros días.