Acometen novos accesos viarios con medidas de seguridade en zonas residenciais de Tenorio
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de acometer obras de construción de novos accesos viarios, coas correspondentes medidas de seguridade para vehículos e peóns, en zonas residenciais da parroquia de Tenorio co obxectivo de seguir facilitando a todos os veciños que as súas parcelas con vivendas dispoñan de conexión con algunha vía de comunicación.
Nesta zona, hai un total de tres vivendas que se atopan nun desmonte e que non contaban cun acceso en condicións nin transitable cara a rede viaria. Así, fíxose un recheo para acabar de salvar o desnivel existente e procedeuse ao formigonado do firme para poder garantir unha axeitada entrada nesas tres casas. Asimesmo, instalouse unha barandilla de seguridade para evitar accidentes.
Por último, o Concello xa comezou a tramitar coa empresa eléctrica a posible retirada dun poste de subministro que se atopa no medio deste novo acceso, xa que, aínda que non impide a circulación, pode chegar a incomodar as distintas manobras dos usuarios. Polo momento, estase agardando a súa reposta sobre a eliminación desta infraestrutura e a alternativa para esta liña de subministro enerxético.
MELLORA E AMPLIACIÓN DA ESTRADA PO-230
Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de ampliación e mellora da estrada PO-230, no Concello de Cerdedo-Cotobade, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados. Os interesados poderán formular observacións ao trazado dende o martes ata o 12 de xaneiro.
O proxecto define a ampliación da estrada nun tramo de 1,8 quilómetros ata acadar un ancho de 7 metros, xa que actualmente ten entre 5 e 5,5 metros, e a rectificación dalgunhas curvas para mellorar o trazado da estrada. Tamén se executarán cunetas de seguridade nos tramos nos que se precisen e se repoñerá a sinalización e as barreiras.