Un cento de viños de 40 adegas danse citan no Túnel do Viño Galego
Por Redacción
As persoas que se acheguen este sábado 2 de decembro á Casa da Luz terán oportunidade de degustar ao redor dun cento de viños distintos de 40 adegas chegados de toda Galicia. Será no marco da nova edición do Túnel do Viño Galego de Pontevedra que este ano terá como protagonistas especiais aos caldos da nova Indicación Xeográfica Protexida ( IXP) Ribeiras do Morrazo.
Como novidade, este ano a entrada ao túnel será gratis ata completar aforamento. A actividade central desenvolverase na Casa da Luz, na praza da Verdura, o sábado en horario de 12.00 a 14.30 horas e de 18.00 a 20.30 horas e haberá tres catadores e varios adegueiros que darán a probar os caldos aos asistentes.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e Antonio Portela e Xan Bautista, da Asociación Galega de Viticultura, presentaron este luns a actividade, que definen como a "mellor oportunidade para visualizar a realidade plural do viño galego" e de probar "as distintas sutilezas" dos viños das dez variedades de caldos de Galicia con Denominación de Orixe ou IXP.
As actividades empezarán xa o venres 1 de decembro cunha mesa redonda a partir das 19.00 horas sobre vitivinicultura en Galicia e perspectivas de futuro, que incluirá unha cata comentada e a visión de viticultores do Morrazo, Betanzos, O Barbanza e Francia.
Ambos os días de actividades permitirán tamén facer un repaso pola actualidade do sector, unha actividade económica na que "a época das grandes adegas pasou e é o momento dous pequenos proxectos viticultores" e na que cobran protagonisto novas indicacións como a de Ribeiras do Morrazo, que este ano participarán no Túnel do Viño por primeira vez desde que se recoñeceu que poden comercializarse e na que Pontevedra é o concello con máis superficie rexistrada, aínda que ata o momento non conta con ningunha adega.
Gulías, Portela e Bautista destacaron que o Túnel do Viño Galego simboliza a aposta do Concello de Pontevedra e da Asociación Galega de Viticultura por "un dos sectores produtivos máis importantes do país" e por unha das claves para loitar contra a "desertización do rural".