Jorge Cubela, elixido por unanimidade primeiro presidente do PP de Cerdedo-Cotobade e candidato á reelección
Por Redacción
O I Congreso Local do PP de Cerdedo-Cotobade tras a fusión de ambos os municipios clausurouse este venres sen sorpresas e cun respaldo unánime ao actual responsable do partido en Cotobade e presidente do municipio fusionado, Jorge Cubela.
A candidatura encabezada por Cubela era a única que se presentaba e conseguiu o respaldo do 100% dos compromisarios asistentes ao congreso local, que aprobaron, desta forma, a nova executiva local do PP de Cerdedo-Cotobade.
O PP de Cerdedo-Cotobade acábase de constituír como tal, resultado da fusión das agrupacións previas de Cerdedo e Cotobade, e o congreso local no que se formalizou contou coa asistencia de preto de 500 persoas, entre militantes e invitados, entre eles a presidenta do Congreso, Ana Pastor; o vicepresidente da Xunta e presidente provincial do partido, Alfonso Rueda; e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Decenas de alcaldes, concelleiros e compañeiros doutras agrupacións da provincia acompañaron a Cubela no congreso que o aúpa como líder indiscutible e no que, ademais, foi designado xa como candidato á Alcaldía polo PP nas eleccións municipais de 2019. O ex alcalde de Cerdedo e actual vicepresidente da xestora de Cerdedo-Cotobade, José Balseiros, será o segundo na lista das próximas eleccións.
A nova executiva, conformada por 57 membros e renovada nun 62% con respecto ás dous anteriores de Cerdedo e Cotobade, outorga a presidencia honorífica ao ex alcalde de Cerdedo José Luis Jorge Caramés.