Xura de bandeira a cuberto para 64 alumnos da Escola Naval
Por Redacción
A intensa choiva rexistrada durante a mañá deste venres cambiou a habitual imaxe que se vive na Escola Naval Militar con motivo dos seus actos de Xura de Bandeira. Nesta ocasión, participaron 64 novos alumnos e o acto, en lugar de celebrarse na chaira exterior, pasou ao ximnasio Guardiamarina Barrutia.
En concreto, xuraron bandeira os alumnos aspirantes aos Corpos Xeral e Infantería de Mariña con titulación dos Corpos de Intendencia e Enxeñeiros e Militares de Complemento. Tamén recibiu o seu despacho de alférez de navío o alumno tailandés Vachiravit Sukpinig.
A cerimonia castrense comezou, como é habitual, coa incorporación da bandeira e a posterior revista ao batallón de alumnos por parte do almirante xefe de persoal da Armada, Francisco José Cortés Uria. A continuación produciuse a xura de bandeira en si que, como é tradicional, concluíu co desfile do batallón de alumnos.
Ao acto asistieronn todos os oficiais e suboficiais da escola, así como os profesores civís e do Centro Universitario da Defensa, persoal civil destinado na escola e familiares dos alumnos 'protagonistas'.
Dos 64 alumnos que xuraron este venres, 13 pertencen ao Corpo Xeral, 17 ao Corpo de Intendencia da Armada, 12 ao Corpo de Enxeñeiros da Armada, cinco ao Corpo de Enxeñeiros da Armada ETO e 17 son Militares de Complemento.