Desaloxan un edificio na rúa Fernando Olmedo por un incendio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os veciños do edificio número 10 da rúa Fernando Olmedo levaron un bo susto por mor dun incendio rexistrado esta madrugada.
Segundo informaron os Bombeiros de Pontevedra, ás cinco e media desta madrugada orixinouse un lume na cociña do primeiro piso deste inmoble ocupado por estudantes. Un descoido provocou que a chama dun quemador da cociña alcanzase a campá extractora e en pouco tempo devorase os mobles superiores.
O fume obrigou ao desaloxo dos residentes dalgúns dos outros pisos do edificio. A densa fumareda xerou importantes danos materiais.
A rápida intervención da Policía Local ao descargar dous extintores sobre o incendio sufocou en boa medida as chamas de modo que ao chegar os bombeiros tardaron pouco tempo en extinguir o lume. O seu labor centrouse entón en asegurar a zona e ventilar todas as estancias afectadas pola acumulación de fume.
Un dos novos estudantes do piso onde se orixinou o incendio tivo que ser trasladado en ambulancia a un centro médico por unha crise de ansiedade.