Tradicións sagradas e profanas, a debate nunhas xornadas en Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra acollerá entre os días 24 e 26 de novembro as segundas xornadas sobre antropoloxía que organiza a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).
A cita foi presentada este xoves pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e o presidente desta sociedade, Rafael Quintía.
Baixo o título O sagrado e o profano, estas xornadas desenvolveranse con conferencias en dous espazos: a sala Nemonón e a Casa da Luz.
Nelas, trataranse temas como os rituais previos ás romarías, as manifestacións da relixiosidade galega, os ritos iniciáticos ou os novos santuarios xurdidos tras catástrofes.
O programa completo destas xornadas pódese consultar na páxina web da SAGA.
Esta cita cultural rematará o día 26 cunha visita guiada ao parque arqueolóxico de Tourón (Ponte Caldelas).