Lección de superación en Ponte Caldelas coa paratriatleta Susana Rodríguez
Por Redacción
O colexio Cordo Boullosa de Ponte Caldelas recibiu unha visita moi especial, a da paratriatleta Susana Rodríguez Gacio, que compartiu con nenos unha xornada que resultou ser toda unha clase de superación persoal.
A visita xurdiu por iniciativa da nai dunha rapaza con discapacidade visual que contactou con Susana. Así, o colexio organizou unha conferencia na que os nenos puideron facerlle preguntas á deportista viguesa e elaborouse un mural na fachada exterior, na que agora pode lerse "As persoas, como as aves, son diferentes nos seus voos, pero iguais no seu dereito a voar".
A descuberta do mural realizouse cunha solta de globos na que participou a totalidade do alumnado e o profesorado. Os rapaces, e tamén a deportista invitada, deixaron a pegada en pintura das súas mans, como símbolo de superación e irmandade.
Susana Rodríguez afirmou estar encantada de participar nun acto que enxalza os valores do esforzo e a superación e que parte da vontade de apoiar a unha rapaza que, como ela, padece unha discapacidade visual. "Estiven moi a gusto, todo estivo moi ben organizado e nótase ben que neste colexio hai interese pola integración", sinalou.
Na súa conferencia animou a todos os nenos e nenas con algunha discapacidade a non renunciar aos seus soños. Falou polo miúdo do deporte adaptado e quedou sorprendida do enxeño do alumnado á hora de facer preguntas e comentarios. "Os rapaces sempre teñen ocorrencias moi divertidas", indicou.
A deportista, que naceu só cun 10% de visión, falou tamén das súas obrigas laborais como médico residente no Hospital Clínico de Santiago e do tempo que requiren os adestramentos nunha disciplina tan esixente como o tríatlon, na que é unha auténtica campioa.