A candidatura de David Regades aposta por celebrar a Festa da Rosa
Por Anxo Lourido
David Regades, acompañado por un grupo de representantes socialistas que apoian a súa candidatura nas primarias á secretaría xeral do PSOE provincial, presentaba este xoves unha lista de dez medidas para incrementar a presenza do socialismo nos municipios.
A alcaldesa de Cambados, Fátima Díaz; as deputadas provinciais Digna Rivas e Isaura Abelairas; o alcalde do Grove, José Cacabelos e o de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, entre outros militantes, participaron nesta presentación.
O candidato explicou que os socialistas queren gobernar para cambiar a sociedade. Ese é o primeiro punto do decálogo presentado, conseguir o liderado provincial confrontando os seus proxectos cos do Partido Popular. En segundo lugar, Regades quere unha executiva con máis igualdade para combater a fenda existente na sociedade entre homes e mulleres.
Desde esta candidatura sinalan que non sobra ningún dos 3.000 militantes do partido na provincia e queren ser un partido integrado a partir da celebración do Congreso no que se elixirá ao secretario provincial o próximo 16 de decembro. Ademais, apostan pola autonomía local. "Non podemos dirixir ás agrupacións locais", indicou Regades nesta presentación antes de anunciar a proposta de celebrar a Festa de la Rosa nunha comarca distinta cada ano, unha festividade que se convertería nun encontro coa militancia, que se engadiría ás reunións periódicas por comarcas.
Ademais, Regades e o seu equipo avogan pola coordinación con outras organizacións como UXT, Unións Agrarias ou Xuventudes Socialistas, todo cunha formulación de equipo con liderado compartido, formando equipos de traballo para asuntos específicos de carácter local como a política forestal ou a xestión das praias e das emerxencias.
A candidatura que se enfrontará á de Eduardo Reguera nas primarias da provincia aposta por unha política de comunicación que lles garanta presenza nos medios, con portal web participativo e reforzo das redes sociais. Todos estes proxectos contarán coa presenza da mocidade do partido. E neste sentido, David Regades quere activar á militancia a través de debates, conferencias e actividades que potencien a filiación.
Relacionadas:
-
Carmela Silva anima o PSOE a traballar en "un proxecto alternativo á dereita cavernícola"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
David Regades, novo líder do PSOE na provincia de Pontevedra
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Regades avantaxa a Reguera na entrega de avais para as primarias socialistas en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz e David Regades unen as súas candidaturas e optarán xuntos a liderar o PSOE
Por Alejandro Espiño |