Noemí Blas é presidenta da escuadra feminina Buxa Motor Poio, dirixida por mulleres. O de Noemí é afección, non profesión. O seu marido desde finais dos 70 era piloto en rallies. Houbo dúas escuadras previas antes de que dez mulleres se lanzasen, hai tamén dez anos, a crear a escuadra. Na federación segue sendo a única muller.
Mar Piñeiro é xerente de Autocares Viuda de Cándido, unha firma que fundaron hai 75 anos os seus avós. El faleceu e foi a súa avoa a que tomou as rendas. Este ano xubilouse o pai de Mar, así que ela toma a substitución nesta terceira xeración. Un sector no que tampouco é frecuente a presenza de mulleres, de feito "hoxe teño unha reunión na que eu serei a única muller". No caso da súa empresa, o persoal está conformada ao 50% por homes e mulleres.
Silvia García asumiu o cargo de decana de Belas Artes en 2016 e é a primeira muller que ostenta esta responsabilidade nos 25 anos da Facultade de Pontevedra. Nun primeiro momento di "pareceume fatal que me propuxesen porque todos temos o noso temores por conciliación e outras cuestións; pero logo pensei que podía facer algo positivo pola facultade". A presenza da muller no ámbito académico está normalizado, non así o dos postos directivos.
Ana Belén Rial traballa na empresa Ferrovial - Cespa Servizos e é unha das tres traballadoras da empresa entre un centenar aproximadamente de empregados homes. "Somos unha pequena minoría, pero contenta e moi ben. Nós dedicámonos a limpeza viaria, varrendeiras. Poderiamos subirnos a unha varredora ou un camión, de momento non o facemos, pero fariámolo sen ningún problema, seguro".
Durante estas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio falamos de "teitos de cristal", conciliacións, "cultura de mando", "roles que exercemos as mulleres para conseguir os nosos obxectivos" en ámbitos de prevalencia masculina e de comportamentos machistas ou acosos.
Neste último apartado, expoñen algunhas situacións: Mar Piñeiro comenta "a min pasoume facer unha chamada para solucionar un problema e ata que non se poñía o meu pai - e dicía o mesmo que eu-, non facían caso". Noemí Blas expón que "cando teño que facer de directora de carreira, o habitual é que cando requiren dalgunha xestión ou consulta, remítense primeiro aos homes e non a min".
Hai que cambiar desde a educación. Queda moito por facer "pero niso estamos". Elas son un exemplo.