O BNG esixe a apertura dun vial entre as rúa da Roda e da Estrada
Por Redacción
Marín debe avanzar para desenvolver o espazo urbano delimitado entre as rúas da Roda, Méndez Núñez e a Estrada. É a petición que fai o BNG, que reclama ao goberno municipal que empregue o PXOM para abrir novos espazos na cidade.
"O Concello está obrigado a executar o polígono das monxas e abrir a nova rúa desde o Fondo do Saco. Todo o demais son remendos que non solucionan nada", sinala a voceira do BNG, Pilar Blanco, ao respecto das obras anunciadas recentemente polo Concello.
O BNG solicita, a través dunha moción presentada ao pleno, que o goberno local execute o establecido no plan urbanístico aprobado en xuño de 2012, e abra un vial entre as rúas da Roda e da Estrada para completar a ordenación desa zona, saneando as ruínas existentes.
Os nacionalistas recordan que o Concello xa comprou unha vivenda no ano 2000 para habilitar o acceso do novo viario.
A apertura desta céntrica zona permitiría, ademais, a obtención de novas zonas verdes públicas e a construción dunha dotación cultural no terreo propiedade do Ateneo Santa Cecilia, o cal xa hai máis de dous anos que puxo a disposición do Concello a cesión do terreo para este fin.
"A actuación neste ámbito degradado do centro de Marín é un clamor popular", denuncia Pilar Blanco, que agarda que o Concello aproveite unha das poucas posibilidades que quedan xa, dentro da trama urbana de Marín, para incorporar novos espazos e novas dotacións.