Sanxenxo busca acadar dous novos sendeiros azuis
Por Redacción
Dous sendeiros litorais, os que unen Paxariñas con Montalvo e Areas con Punta Festiñanzo. Son os itinerarios para os que Sanxenxo quere lograr o distintivo sendeiro azul, que entrega anualmente Adeac, o mesmo organismo que xestiona as bandeiras azuis das praias.
No caso do primeiro, de Paxariñas a Montalvo, ten 620 metros e será necesario dotalo dunha serie de paneis informativos e mesas explicativas, nas que se poñan en valor as características ambientais que distinguen este sendeiro.
No segundo, de Areas a Punta Festiñanzo, de 730 metros, o reto é moito máis ambicioso, xa que hai que cumprir en primeiro lugar o requisito imperativo de que o sendeiro pase ou parta dunha praia bandeira azul, para que poida obter tamén o distintivo.
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, e a persoal da área xa están a traballar nas candidaturas de Sanxenxo, a pesar de que aínda non está aberto o prazo para a presentación das solicitudes.
Así durante as próximas semanas, nestes e nos demais sendeiros municipais xa recoñecidos, farase unha instalación da sinalización adecuada e o acondicionamento da xa existente. Ademais, tamén se limpará e rozará os traxectos.
A intención da concellería de Medio Ambiente é blindar as tarefas previas para asegurar unha candidatura forte e conseguir todos os galardóns de sendeiro azul que se propoñan.
Perséguese así o obxectivo de promover o desenvolvemento sustentable das zonas litorais mediante o cumprimento duns criterios de calidade que garantan a preservación e a mellora das condicións ambientais existentes.
Actualmente, Sanxenxo ten recoñecidos catro sendeiros azuis. Son os que unen Sanxenxo e Portonovo, Canelas e Cabicastro e Montalvo e Major, así como o denominado carreiro máxico da Lanzada. Todos eles supoñen, en total, case 22 quilómetros de camiños.