O comercio local "planta cara" ao Black Friday
Por Alejandro Espiño
O Black Friday, unha tradición importada de Estados Unidos que marca o inicio da tempada do Nadal, popularizouse en España nos últimos anos. Pero o comercio local desconfía dos seus efectos. "Fainos bastante dano", recoñecen. E é que son as grandes superficies e as vendas por Internet "as que levan as ganancias" dunha xornada con notables descontos.
En Pontevedra, por iso, están decididos a "plantarlle cara". Os comerciantes de Rosalía de Castro e a praza de San José optaron por organizar actividades na rúa durante os días 23, 24 e 25 de novembro. Poñerase en marcha a campaña "O teu comercio, na túa man" coa que buscan reivindicar o valor do comercio de proximidade.
Serán tres días de descontos especiais nos seus establecementos. Segundo Conchi Pereiro, directiva de AEMPE e comerciante da zona, "non queda outra" que sumarse ao Black Friday, a pesar de que "non é bo" para o comercio pequeno, xa que ademais a xente aproveita para adiantar as compras do Nadal.
"Prexudícanos moito porque para un día ao ano estamos a traballar un mes en balde", engade Conchi Rodríguez, que asegura que os clientes levan semanas esculcando nas tendas do comercio local e esperan a estas datas para comprar. E a iso engádese, lembra, que os comerciantes aínda non deron saída á mercadoría de outono e inverno ante a falta de choiva.
O comercio de Rosalía de Castro celebrará, ademais, outra iniciativa de dinamización o próximo 15 de decembro coa Noite da Ilusión que, xunto con descontos nos locais, incluirá música na rúa e obradoiros infantís. Abrirán ese día ata ben entrada a noite.
Esta zona da cidade será decorada con paraugas vermellos con lazos brancos, acorde co Nadal, e enviaranse bólas de porexpán de diferentes tamaños aos colexios da cidade para que os nenos as decoren. Colocaranse na rúa durante a Noite da Ilusión.
Ambas as iniciativas enmárcanse dentro do programa Pontevedra Capital Shopping. A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, celebrou que sexan os propios empresarios os que impulsen a organización de iniciativas de dinamización do comercio local, contribuíndo a converter á cidade nun “gran centro comercial aberto".