A Policía Local estreará nos vindeiros días un novo radar de control de velocidade
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra conta cun radar para o control da velocidade no municipio. Este dispositivo aínda non se atopa operativo e se agarda que entre en funcionamento nos próximos días dentro dunha campaña de control de tráfico.
Esta nova ferramenta permitirá autonomía aos axentes de Pontevedra, que nas últimas campañas de control facía uso dun equipo cedido pola Dirección Xeral de Tráfico. Este dispositivo pode instalarse en vehículos, sinais ou calquera outro mobiliario urbano para controlar a velocidade dos vehículos na contorna urbana.
Segundo a información facilitada pola Xefatura de Policía Local, trátase dun equipo Velolaser 1.0, que mide a velocidade de circulación e documenta cunha fotografía a aqueles vehículos que superen o límite establecido. Está deseñado para medir en modo estático a través dun trípode ou de calquera outro soporte ou de forma non atendida como sucede desde a cabina dun vehículo.
Consta de carcasa, cámara dixital de 5 megapíxeles, sensor láser, CPU e batería. O axente da Policía Local que o utilice atoparase a uns 50 metros e recibirá os datos do vehículo infractor a través dunha tablet.
Está previsto que a campaña de control que levará a cabo nos próximos días con este novo radar se realice en vías de Pontevedra onde se detectaron vehículos circulando a unha excesiva velocidade.
Relacionadas:
-
Un de cada cen vehículos rexistrados polo radar da Policía Local foi multado por velocidade
Por Alejandro Espiño |
-
Chegan as primeiras multas do novo radar da Policía Local por superar os 30 por hora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O vindeiro martes a Policía Local empezará a usar o seu novo radar
Por Oskar Viéitez |