Sanxenxo estrea nova cita gastronómica: Petiscos de outono
Por Redacción
Once locais de hostalería participarán na primeira edición de Petiscos de outono, un novo certame gastronómico que se celebrará en Sanxenxo do 24 de novembro ao 3 de decembro. En total, haberá dispoñibles 14 propostas diferentes.
Os locais que participarán son:
Asador o Aserradero: Tosta de secreto ibérico con setas al Pedro Ximénez.
Casa Román: Tosta de secreto ibérico con castañas.
Cervecería Azor: Meloso de porco con fungos de tempada.
Cova de Ons: Montaña de Cova de Ons.
Gabbá Sanxenxo: Tierra de nuestros bosques.
Kannion Surf: Bolo de Carrillera ibérica desfiada e Outono no mar e na terra.
La cueva: Setas rellenas con crujiente de patata.
La trastienda: Huevo de otoño e Empanada de otoño.
Restaurante Xerfa: Crujiente de boletus con huevo e Cazuelita de codorniz con castañas al albariño
Salgadoiro Gastroteca: Bombón otoñal
Taberna Lilaina: Lacón relleno a las dos cremas.
Do mesmo xeito que en Degusta Tapas, manterase o prezo de 2 euros por tapa. No folleto informativo, que estará dispoñible en todos os establecementos, poderanse consultar os horarios de cociña nos que se poderán saborear estas propostas gastronómicas.
Petiscos de outono inclúe un sorteo para todas aquelas persoas que selen os seus cartóns nun mínimo de cinco locais e deposítenas nas caixas de correos dos propios establecementos participantes ou no que se atopa na oficina de Turismo de Sanxenxo. Entre todos os cartóns selados sortearase unha Smart TV de 42.
Este certame busca promocionar a hostalería do municipio e realizar eventos ao longo de todo o ano que axuden a ampliar a tempada estival.
OUTRAS FESTAS
Ademais, esta fin de semana será movido en Portonovo coas festas en honra a Santa Catalina e a celebración da III Festa da Empanada.
O sábado 25, día de Santa Catalina, a celebración comezará ás 9.30 horas coa tirada de bombas e o pasarrúas a cargo da Charanga Noroeste e os grupos de gaitas Os Gatiños e Lembranzas. Haberá misa solemne ás 11.30 horas na capela de San Roque, cantada pola Coral Santa María de Adina.
Unha procesión marítima e unha verbena amenizada polas orquestras Costa Branca e Mar D'Arousa poñerán fin á xornada festiva.
O domingo día 26 celebrarase a Festa da Empanada, organizada polo Club de Piragüismo Portonovo. A festa será na carpa situada na zona portuaria. O concurso farase en dúas categorías, profesional e caseira, con dous premios en cada unha das modalidades, premio á empanada máis orixinal e premio á empanada máis saborosa.
Ás 10.00 empezará a recepción das empanadas e a clasificación das mesmas, para dar paso a partir das 12.30 á súa degustación. O ingrediente principal será de elección libre, sendo o que considere o participante máis orixinal ou o que mellor represente a súa personalidade ou estilo de cociñar. Todo estará amenizado polos grupos de gaitas Os Gatiños e Lembranzas.
A partir das 13.00 horas haberá unha sesión vermut a cargo do trío Mar D'Arousa e a partir das 17.00 horas terá lugar o primeiro festival de corais e a entrega de premios aos gañadores.
Relacionadas:
-
Un mes de grandes tapas en Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |
-
Sanxenxo celebrará un novo "Degusta Tapas" a partir do 17 de maio
Por Redacción |
-
Os locais Fidel, Xerfa e Ollares da Ría, gañadores do concurso Degusta Tapas
Por Redacción |
-
O Degusta Tapas de Sanxenxo recorta a súa duración e planea desdobrarse en outono
Por Redacción |