O parque forestal da Tomba abarcará finalmente 83 hectáreas
Por Alejandro Espiño
Un total de 83,10 hectáreas. Esa será a extensión que, finalmente, terá o parque forestal que se habilitará no monte da Tomba, en Campañó.
O Concello aceptou este luns a cesión dos terreos, que realiza a comunidade de montes da parroquia. É un trámite previo para que se poidan adxudicar os traballos. A cesión de uso público terá unha duración de trinta anos e poderá prorrogarse outros 30 por acordo das dúas partes, sempre que a superficie cedida continúe dedicada a fins de interese xeral dos veciños.
Nestes terreos, o Concello pretende realizar un parque de lecer e cívico no que se investirán case 442.000 euros, contía que xa figura nos orzamentos de 2018. O proxecto estará financiado con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
A Tomba pretende ser, segundo os seus impulsores, un exemplo de monte galego sustentable. Será unha área produtiva na que se eliminarán as especies invasoras e se apostará pola biodiversidade, xerando actividade económica en Campañó.
Pero ao mesmo tempo terá un perfil social, de forma que calquera pontevedrés poida gozar deste espazo. Así, entre outras cuestións, contará con 17 quilómetros de sendas, das que dezaseis serán para peóns e -segundo os tramos- para ciclistas.
Ademais, a parte alta contará cun miradoiro sobre Pontevedra desde o que se poderá contemplar a cidade, a ría, o monte Castrove, A Fracha ou o Acival.
Nunha primeira fase, procederase á limpeza e eliminación de especies invasoras, principalmente mimosas, acacias e eucaliptos, e a preparación das pistas e sendas. A segunda fase será a de plantación das novas árbores autóctonas.
A Tomba contará con 22 hectáreas de souto, 20 hectáreas de castiñeiros e carballos e 15 hectáreas de bosque mixto. Contará tamén cun proxecto experimental para recuperar a produción de aceite en Galicia, para o que se plantarán 3 hectáreas de oliveiras na busca de novos camiños para o aproveitamento do monte.
Este proxecto busca a recuperación ambiental e patrimonial deste espazo forestal e aumentar os lugares nos que os pontevedreses poidamos gozar do medio natural para a realización de actividades ao aire libre.
Relacionadas:
-
Nove propostas para acondicionar o novo parque forestal da Tomba
Por Redacción |
-
Os traballos para acondicionar o parque forestal da Tomba durarán ata 2020
Por Alejandro Espiño |
-
Unha ferramenta informática definirá a política forestal en todo o municipio
Por Alejandro Espiño |
-
Propoñen empregar parte da Tomba como refuxio de cabalos
Por Redacción |
-
Primeira toma de contacto co futuro parque forestal da Tomba
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O souto máis extenso da provincia estará en Campañó
Por Alejandro Espiño |