Pontevedra iluminará o seu Nadal o 1 de decembro
Por Redacción
Xa hai data para o acendido da iluminación de Nadal. O Concello, coincidindo cos traballos para colocar as luces e os adornos festivos, vén de anunciar que será o próximo venres 1 de decembro, a partir das seis da tarde, cando as prazas e rúas da cidade dean a benvida a estas entrañables datas.
O acto oficial celebrarase na praza da Ferrería onde estes días se está a instalar unha grande árbore de nadal, ademais de adornar o conxunto da praza e contorna.
O grupo Pel e Pau animará o acto coa súa música.
As asociacións de comerciantes Aempe e Zona Monumental colaboran, un ano máis, co Concello na iluminación festiva. O obxectivo é chegar ao maior número de espazos.
Segundo informa o goberno municipal, o alumeado de Nadal estará acendido en horario de 18.00 a 01.00 horas agás os dias 24 e 31 de decembro que estará acesa ata a madrugada.
As luces de Nadal lucirán polas rúas e prazas da cidade, tamén en Monte Porreiro e Estribela, ata o 7 de xaneiro. Todas as luces instaladas son de baixo consumo e última xeración.