Primeiras penas de prisión para reincidentes en delitos de tráfico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Cometer delitos contra a seguridade viaria que, a priori, poden considerarse de pequeno alcance pode acabar co infractor en prisión. Esta é a advertencia que lanza a fiscal de seguridade viaria en Pontevedra, Alicia Tajes, que lembra que, cando empezaron a regularse no Código Penal, non había unha comunidade presidiaria por delitos de seguridade viaria, pero desde hai un tempo empezaron a producirse os primeiros ingresos.
A fiscal manifesta a súa preocupación por unha "enorme reincidencia" detectada en todo tipo de delitos contra a seguridade viaria, en especial de persoas que conducen baixo a influencia do alcol e as drogas e sen permiso. Trátase de "condutores que reinciden en moi pouquiño espazo de tempo" e que están a empezar a entrar en prisión, unha situación que "pode supoñer un shock para a vida dunha persoa".
As primeiras condenas que se impoñen a un infractor adoitan ser de multa, traballos en beneficio da comunidade e, en moitos casos, privación do permiso de conducir, pero en casos de reincidencia, o Código Penal prevé de tres a seis meses de prisión.
Os fiscais están a empezar a pedir esa pena "porque se ve que en dúas ou tres veces anteriores as multas non tiveron efecto" tanto porque non o disuadiron de seguir con esa conduta como porque non abonaron as multas impostas.
A fiscal explicou que "está a haber ingresos en prisión para o cumprimento, ademais, de penas moi curtas", desde 20 días a catro meses e medio ou seis meses. Acaba encarcerada "xente que poderiamos considerar normal, entre comiñas", pero "nalgún caso parece que é a única forma de que consiga entender que é serio e que non debe volver facelo".
Ademais, en base aos contactos mantidos coa Policía Local de Pontevedra, considera que as campañas de concienciación sobre condución alcohólica si estando a dar resultados, pero "están preocupados" porque se están atopando moitos condutores que dan negativo en alcol, pero positivo en drogas ou mesmo en ambas as substancias. Detectáronse mesmo casos de condutores de autobuses escolares que deron positivo en cannabis ou cocaína e "iso é unha preocupación moi grande".
Alicia Tajes realizou estas declaracións tras participar nun minuto de silencio organizado ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra para conmemorar o Día Mundial de Recordo das Vítimas de Accidentes de Tráfico. Ademais da subdelegada en Pontevedra, Ana Ortiz, asistiron a xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Liñaxe; o comisario xefe provincial da Policía Nacoinal, Manuel Bouzas; o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil, Manuel Touceda e o xefe do subsector de Tráfico, Leovigildo Villares.
Nas súas declaracións, a nova fiscal especializada tamén deu a coñecer que "cada vez máis" se producen comisos xudiciais de vehículos en tanto que son "o instrumento do delito". Alicia Tajes considera que "é bo que a poboación o saiba", pois xa non é unha posibilidade recollida no Código penal, senón que se está levando a cabo.
Tras o minuto de silencio, a subdelegada do Goberno leu un manifesto no que lembrou que a xefatura provincial de Pontevedra da DGT ten en funcionamento, como as de toda España, unha Unidade de Vítimas de Accidentes de Tráfico que coordina unha rede integral de información e atención ás vítimas.