O Concello buscará a solución "máis acaída" para Barcelos
Por Alejandro Espiño
Circular pola praza de Barcelos será máis cómodo a partir de 2018. O Concello modificará o pavimento do carril de circulación perimetral deste ámbito urbano. Así o adiantou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
Trátase dunha das propostas presentadas polas federacións de veciños ao orzamento municipal para o próximo ano e que, segundo o edil do BNG, foi aceptada polo grupo de goberno e incluirase no documento.
O Concello buscará, aclarou González, a solución técnica "máis acaída" para mellorar este espazo. Non está claro, por tanto, se se substituirá o pavimento de lastras ou se optará por asfaltar a zona para mellorar a circulación dos vehículos.
Ademais, o BNG entende que unha actuación deste calado en Barcelos debería incluír tamén a reforma urbana da rúa Rouco, unha das dúas saídas do tráfico rodado da praza de Barcelos.
Esta proposta forma parte dun acordo "case pleno" entre o goberno municipal e as federacións de veciños, con quen se reuniu este luns o edil de Facenda para repasar as iniciativas presentadas hai unha semana.
Así, Raimundo González explicou que o Concello asume buscar terreos para un novo parking disuasorio na Parda, incorporar un plan de mellora do monte, destinar unha partida para o plan de transporte metropolitano, actualizar a sinalización de saída e entrada á cidade ou ampliar o diñeiro destinado a un plan de formación para o emprego.
Entre as iniciativas máis específicas "salvo cuestión moi concretas" como asuntos que dependen doutras administracións, todas terán o seu encaixe no orzamento de 2018.
O BNG reunirase, ao longo desta semana, cos partidos políticos -salvo Cidadáns que declinou negociar-, os sindicatos e o Consello Económico e Social (CES) para avanzar na redacción final deste documento que, se todo vai segundo o esperado, podería ser aprobado en pleno a mediados de decembro.
Relacionadas:
-
Repavimentan a chapuza do espazo peonil da praza de Barcelos
Por Oskar Viéitez |
-
O pavimento da área peonil de Barcelos renovarase na primavera
Por Alejandro Espiño |
-
O PSdeG-PSOE, disposto a absterse no orzamento
Por Alejandro Espiño |
-
O PP ve ao BNG "desconectado" de Pontevedra cun orzamento "malo y continuista"
Por Alejandro Espiño |
-
Luz, auga e a xestión do lixo custarán case 17 millóns de euros en 2018
Por Alejandro Espiño |
-
María Rey non negociará co BNG o orzamento municipal
Por Redacción |
-
A metade dos investimentos municipais para 2018 será no rural
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |