Poio habilitará un total de 95 novas prazas de estacionamento no núcleo urbano de Combarro
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Xosé Luís Martínez Blanco, informou sobre as melloras de estacionamento que o Concello de Poio ten previsto realizar en Combarro, segundo o informe realizado polo xefe da Policía Local de Poio e que suporán un total de 95 novas prazas de estacionamento ao longo do núcleo urbano.
A proposta, presentada a Portos de Galicia, prevé unha área de estacionamento habilitada na zona da Canteira, que segundo as previsións da Policía Local, contará con 55 novas prazas destinadas a turismos.
Así mesmo, a Canteira seguirá dispoñendo dunha zona habilitada para uso dos autobuses durante un período de quince minutos, favorecendo así a carga e descarga de pasaxeiros.
Ademais, outras 40 prazas de estacionamento teñen previsto destinarse os veciños residentes no centro histórico de Combarro que non dispoñan de praza de garaxe que terán unha tarxeta que autorizará o uso dunha praza de estacionamento para un único turismo.
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade sinalou que as propostas de mellora de estacionamento para o núcleo urbano de Combarro, que están pendentes de aprobación por parte de Portos de Galicia, "beneficiarán tanto ós residentes como ós centos de visitantes que se achegan diariamente ata a vila de Combarro, facilitando así notablemente a súa mobilidade".
Os residentes serán informados a medida que o proxecto se poña en marcha, coa fin de tramitar a solicitude da correspondente tarxeta de estacionamento.
Con todos estes cambios, o Concello de Poio ten a intención de "mellorar a falta de estacionamento existente no núcleo urbano, salientando sobre todo, as necesidades dos residentes do centro histórico, entendendo que estas melloras facilitarán notablemente a mobilidade e o día a día dos residentes dun núcleo urbano que recibe milleiros de visitantes ao longo de todo o ano".