Marea de Marín quere que o Concello xestione a piscina municipal
Por Redacción
Marea Veciñal de Marín presentará no próximo pleno da corporación unha moción na que demanda ao goberno municipal que elabore un estudo para recuperar a xestión pública da piscina.
Nun comunicado, o concelleiro de Marea Aarón Franco Outón lembra que a actual concesión está a piques de expirar co que se abre a posibilidade de "recuperar a xestión pública e eficiente da mesma".
Segundo argumentan, a remunicipalización do servizo da piscina implicaría, ademais, "unha redución nos custos de mantemento da infraestrutura, así como unha redución de tarifas, permitindo todo isto un resultado na xestión da instalación en positivo pois o Concello aforraría os custos de IVE e a marxe de beneficio empresarial".
Este aforro, segundo Marea, "repercutiría no ben común", permitindo investir en melloras na propia infraestrutura e nos usuarios.